Ir ó contido
  1. Posts/

Reparación da Samsung SPP-2020B

3 mins· loading · loading · ·
José M. Mariño
Repair Samsung Printer Spp-2020b
jmmarino2.gitlab.io
Autor
jmmarino2.gitlab.io
Eu antes era moi indeciso. Agora xa non estou tan certo.

Pois estreamos este “vlog” cun pouco de bricolaxe informático.

Imos explicar como reparar a impresora fotográfica Samsung SPP-2020B, unha impresora pequerrecha pero que saca unhas impresións máis que apañadas.

Este modelo en concreto sofre dun defecto de fabricación que aparece tarde ou cedo en tódalas unidades, e que fai que a impresora deixe de imprimir correctamente nun dos laterais da folla.

En concreto, cando o problema aparece as impresións saen deste xeito:

Impresión defectuosa

Pois ben, a causa deste problema non é ningún cartucho de impresión defectuoso, nin nada semellante. Trátase simplemente da rotura dun dos soportes que contribúen a manter a folla de papel presionada cotra a película de transferencia. Ó escachar este soporte de plástico, a barra que vai encastrada nel deixa de presionar nese lado, e o filme de color deixa de adherirse ó papel. O problema pode ser máis ou menos importante, cunha banda sen imprimir máis ou menos grande, en función de canto cedera a peza de plástico.

Pero deixémonos de literatura e imos ó choio.

Esta é a impresora:

SPP-2020B Vista Superior

Para abrila, precisamos retirar en primeiro lugar os catro parafusos das esquinas da parte inferior que teñen as frechas grabadas:

SPP-2020B Vista Inferior

Unha vez retirados os parafusos, poderemos darlle a volta de novo á impresora e retirar a tapa superior, despois do cal teremos á vista a PCB:

SPP-2020B PCB

Para seguir desmontando a impresora teremos que retirar os tres tornillos que suxeitan a PCB, así coma tódolos conectores que leva. Aparte dos catro conectores que se ven na imaxe, hai un máis no lateral esquerdo (ó carón dos conectores USB e de alimentación):

SPP-2020B PCB Lateral

Ademáis de todos estes conectores, temos unha cinta na parte inferior. A cinta non é preciso desconectala, ainda que tampouco é difícil facelo e se a quitamos poderemos retirar completamente a PCB para traballar máis cómodos:

SPP-2020B PCB Retirada

Para poder acceder ben ó soporte roto, cómpre tamén retirar a placa metálica que cobre o oco onde vai aloxado o cartucho de impresión. Para elo precisamos retirar os dous parafusos que a suxeitan, e tamén deberemos suxeitar un resorte que vai enganchado a ela (na fotografía vese o extremo do resorte ó carón dun dos paratusos, na parte superior: sinto non ter sacado unha foto dende o outro lado para poder velo mellor).

Na seguinte imaxe poderemos ver o soporte que causa o problema, cun arame de reforzo colocado nun intento de reparación anterior, e que non funcionou de todo ben (ainda que si funcionou parcialmente xa que reduciu o ancho da banda sen impresión):

SPP-2020B Soporte

Aquí podedes ver o mesmo soporte, con outro intento de solución usando unha brida de plástico que tampouco funcionou ben:

SPP-2020B Soporte con brida

E aquí está o mesmo soporte coa solución definitiva, un arame máis groso que fai forza dabondo para pechar o casquillo plástico sobre a barra metálica e que quede ben suxeita:

SPP-2020B Soporte con alambre

Colocado o reforzo do soporte, volvemos a montalo todo e se quedou ben, a impresora volverá a imprimir sen problemas.