Ir ó contido
  1. Posts/

O problema dos seis escintileos

5 mins· loading · loading · ·
José M. Mariño
Repair TV Sony
jmmarino2.gitlab.io
Autor
jmmarino2.gitlab.io
Eu antes era moi indeciso. Agora xa non estou tan certo.

Hoxe toca amañar un televisor. O arranxo vai ser bastante sinxelo.

O televisor en concreto é un Sony Bravia. O modelo en concreto non é moi importante, xa que esta avaría pode aparecer nunha variedade ampla de modelos, e a súa solución é similar en todos eles.

Síntomas: O televisor apágase ó pouco de acendelo (sobre 15 ou 30 segundos, ás veces pode que máis), e o LED indicador ilumínase seis veces. Pode darse o caso de que o televisor nin sequera consiga acender, e directamente nos atopemos cos seis escintileos no LED.

Na maioría dos casos os seis escintileos indican un problema coa retroiluminación do panel LCD. Non é un problema do LCD en si mesmo, senón dos LEDs que proporcionan a luz branca necesaria para que o LCD poda logo mostrar a imaxe. No caso de ser un modelo Full-Matrix LED, estes LEDs irán xusto detrás do panel formando unha cuadrícula; no caso de ser un modelo Edge LED, os LEDs van montados nos bordes do panel e a luz distribúese cunha lámina translúcida de algún material plástico. Para os efectos, danos o mesmo un caso ca outro.

Como o televisor podía funcionar durante uns segundos (ás veces case un minuto se estaba frío), foi posible confirmar que se trataba dun fallo da retroiluminación mediante o modo de autodiagnóstico. Cada vez que tentabamos acendelo, o contador de fallos incrementábase, como podemos ver nas seguintes imaxes (fixádevos la liña que pon «BACKLIGHT ERR»):

Foto 1
Foto 2
Foto 2

Os televisores LED levan unha placa de alimentación con varias saídas DC necesarias para o funcionamento dos demais elementos. En concreto, para alimentar os LEDs da retroiluminación levan un integrado que se encarga especificamente de alimentar e monitorizar as diferentes tiras de LED de forma independente. Este integrado acostuma a ser case sempre o BD9397 ou algún semellante (BD9422, BD9423, etc.). Podedes consultar a folla de datos nestes enlaces:

https://www.rohm.com/products/power-management/led-drivers/step-up-boost/bd9397efv-product

https://fscdn.rohm.com/en/products/databook/datasheet/ic/power/led_driver/bd9422efv-e.pdf

Pois ben, cada vez que o controlador dos LEDs de retroiluminación detecta algún problema (unha tira de LEDs cun curtocircuíto, unha sobretensión, etc.), informa ao procesador do televisor para que este desactive a alimentación como medida de protección. E por iso a tele apágase, ou directamente non acende.

Pode darse o caso de que o controlador detecte algunha anomalía a pesares de que tódalas tiras de LED estean a funcionar, e nese caso podemos facer un pequeno apaño para evitar que o controlador de LEDs avise ao procesador do problema, e polo tanto a tele poda acender (ou evitar que se apague).

Pero ollo: co amaño que imos a explicar estaremos impedindo que, se aparece algún problema máis grave, podan funcionar os mecanismos de protección que impidan danos maiores nos circuítos. Así que queda ao criterio co lector valorar os riscos.

O xeito que ten o controlador de LEDs de notificar un fallo ao procesador é simplemente activando unha saída concreta do integrado, etiquetada como FAIL. Esta saída pode ter dous modos de funcionamento. Nun deles a saída é activa a nivel baixo, é dicir, o error indícase cando aparece un cero lóxico. No outro modo de funcionamento, a indicación de error consiste nun pequeno pulso. Hai que ter en conta tamén que todo isto pode cambiar en función da circuitería adicional: os niveis pódense intercambiar con transistores, facendo que un nivel baixo do integrado se converta nun nivel alto, etc…

Pero ademais disto, o integrado conta cun mecanismo de retardo (ou de confirmación, segundo se mire) desa notificación de erro, para evitar que se produzan falsas alarmas en situacións transitorias (un pequeno pico de corrente nos LEDs, por exemplo). O fabricante do integrado implementou un mecanismo para que o deseñador poda decidir durante canto tempo ten que estar activo un problema para que o integrado active a saída indicadora.

Detalle del BD9397

No instante en que o integrado detecta un problema, comeza a cargar o condensador conectado ó terminal CP cunha corrente constante. Cando o voltaxe nese condensador alcanza un valor de 2 V, é cando se activa a saída FAIL que podedes ver xusto enriba. Poñendo un condensador de máis ou menos capacidade, o deseñador pode facer que a indicación de fallo salte antes ou despois.

SOLUCIÓN 1:

Sexa como sexa o modo de funcionamento da saída FAIL no noso televisor, e sexa como sexa a circuitería externa, existe un xeito de evitar que se dispare: evitando que o condensador de temporización (o que vai conectado no pin CP) se cargue. O xeito máis facil é conectando unha resistencia en paralelo co condensador, ou directamente entre o pin CP e masa.

A corriente de carga que sae polo pin CP cando se detecta un fallo é de 1 uA. Se poñemos unha resistencia de 10K, o condensador non conseguirá cargarse por riba de 0,01 V.

SOLUCIÓN 2:

Pode ser que o controlador de LEDs non esté moi accesible (no meu caso estaba debaixo dunha PCB filla que iba montada sobre a PCB de alimentación, e por riba tiña un disipador térmico ocultando todo) e non teñamos posibilidade de soldar a resistencia no pin CP.

Nese caso podemos simplemente localizar o conector que comunica a PCB de alimentación coa PCB do procesador, identificar o pin do conector que se utiliza para notificar o fallo da retroiluminación (por sorte veñen ben identificados), e poñelo a masa (cero lóxico) ou a Vcc (un lóxico). Para iso temos que asegurarnos antes de cal é o nivel lóxico que activa a protección, ou ben probar dos dous xeitos.

No meu caso tiven que poñer esa liña a cero, conectándoa cun punto de masa (ollo, a masa de continua, non os puntos de toma a terra).

Algo tan sinxelo coma isto:

Apaño

Na imaxe anterior podedes ver que na serigrafía da PCB aparece identificado o pin 8 do conector como «BL_ERR». Se extraemos o cable dese pin e o poñemos a masa, a indicación de fallo nunca chegará ao procesador do televisor.

Relacionados

Reparación da Samsung SPP-2020B
3 mins· loading · loading
José M. Mariño
Repair Samsung Printer Spp-2020b